Gemini chega aos reloxos

mércores, 9 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Google comezou hoxe a despregadura do seu asistente Gemini nos reloxos con Wear OS 4 ou superior, incluídos modelos de marcas como Pixel, Samsung, OPPO, OnePlus e Xiaomi. A compañía de Mountain View promete unha experiencia máis natural e útil para os usuarios, que poderán acceder a información, realizar tarefas ou recibir recordatorios sen sacar o móbil do peto.
O asistente utiliza os mesmos modelos de IA que xa funcionan nos teléfonos, e pode activarse dicindo «Hey Google», premendo o botón lateral do reloxo ou tocando a icona da aplicación Gemini.
Entre as funcións dispoñibles destacan as respostas por voz a preguntas cotiás como a previsión meteorolóxica ou tempos de cocción, o acceso rápido a correos electrónicos, a creación de listaxes de reprodución personalizadas, o envío de mensaxes e a xestión do calendario. Ademais, Gemini pode lembrar detalles como o número dun armario ou a localización dun coche aparcado, así como lanzar recordatorios en momentos concretos.
Para que o asistente poida interactuar con servizos como Gmail ou Google Calendar, os usuarios deberán activar as opcións correspondentes na aplicación Gemini do móbil e conceder os permisos necesarios.
O lanzamento desenvolverase de forma gradual nas vindeiras semanas e estará tamén incluído nas futuras actualizacións a Wear OS 6, que permitirán unha integración máis ampla coas aplicacións propias de cada fabricante.