Gemini chega aos reloxos de Samsung
mércores, 9 de xullo do 2025
Samsung vén de anunciar oficialmente o lanzamento do Galaxy Watch8 e o Galaxy Watch8 Classic, marcando un novo punto de inflexión na súa gama de reloxos intelixentes ao apostar por un deseño unificado, máis delgado e funcional, combinado con tecnoloxía avanzada e integración da intelixencia artificial. Estes dispositivos chegarán ao mercado de forma xeral o vindeiro 25 de xullo, aínda que xa están dispoñibles en reserva.
Redeseñado para unha comodidade superior
Inspirado no Galaxy Watch Ultra, o novo Galaxy Watch8 adopta un deseño tipo coxín con esfera redonda e incorpora o sistema Dynamic Lug, que mellora o axuste e a estabilidade do reloxo. Grazas a un redeseño completo da súa estrutura interna, o dispositivo é un 11 % máis delgado e optimiza o uso do espazo interno nun 30 %, mellorando a comodidade de uso durante todo o día.
A pantalla alcanza os 3.000 nits de brillo máximo, facilitando a lectura mesmo baixo a luz do sol, e a batería prolongada garante un rendemento acorde cun estilo de vida activo. Tamén inclúe GPS dual para unha localización máis precisa e un novo procesador de 3 nanómetros que multiplica a eficiencia e velocidade do sistema.
Saúde e benestar como prioridade
A serie Galaxy Watch8 afonda no seu compromiso co seguimento da saúde, ofrecendo funcións avanzadas como a detección temperá de apnea do sono, recomendacións personalizadas para o descanso baseadas no ritmo circadiano e unha métrica pioneira: a carga vascular, que analiza o estrés do sistema circulatorio durante o sono.
Tamén destaca o novo Índice de antioxidantes, que mide os niveis de carotenoides en apenas cinco segundos, permitindo tomar decisións informadas para un envellecemento saudable.
No ámbito do exercicio, o adestrador de carreira establece plans personalizados e calcula a forma física do usuario nunha escala do 1 ao 10. A función Together actualizada permite compartir retos con amigos e familiares, engadindo un compoñente lúdico á actividade física.
A todo isto súmase o Monitor de conciencia plena, con rexistro de estado de ánimo e exercicios de respiración, así como unha nova Puntuación de enerxía baseada en IA que combina datos físicos e mentais para ofrecer un resumo global do nivel de vitalidade diario.
Gemini no reloxo
Samsung colabora de novo con Google para dotar os Galaxy Watch8 de Wear OS 6, sendo esta a primeira serie que incorpora de fábrica o asistente Gemini. Isto permite realizar tarefas mediante comandos de voz naturais: desde buscar unha cafetería próxima e avisar a un amigo, ata iniciar directamente unha carreira cronometrada con Samsung Health.
A nova interface One UI 8 Watch ofrece mosaicos de información e unha Now Bar que facilita o acceso á información clave dunha ollada.
Modelos para todos os estilos
O Galaxy Watch8 estará dispoñible en versións de 40 mm e 44 mm en cores grafito e prata, cun deseño minimalista centrado no uso diario. Parte dun prezo de 379 euros.
O Galaxy Watch8 Classic, máis elegante e con bisel xiratorio, chega en 46 mm e en acabados negro ou branco. O seu almacenamento interno pasa de 32 a 64 GB, e a súa batería de 325-435 a 445 mAh, de aí que o seu prezo de lanzamento sexa de 529 euros, o que supón un incremento de prezo que vai máis aló da incorporación do bisel xiratorio.
Para os máis aventureiros, Samsung ofrece o Galaxy Watch Ultra, o seu reloxo máis avanzado e resistente, cunha autonomía superior, resistencia extrema e catro acabados en titanio, incluído o novo Titanium Blue. Nesta ocasión a capacidade de batería é de 590 mAh e o modelo básico inclúe conectividade LTE, de aí que non sorprenda que o seu prezo de lanzamento sexa de 649 euros.
Vídeo promocional do Galaxy Watch8
