Gemini iniciará a conquista dos fogares en outubro

mércores, 3 de setembro do 2025 Redacción

Google anunciou que o vindeiro 2 de outubro dará comezo o acceso temperán a Gemini for Home, o seu novo asistente de voz para o fogar, baseado nos modelos de intelixencia artificial máis avanzados da compañía. Esta ferramenta está deseñada para ofrecer unha axuda máis potente, natural e personalizada que a do Asistente de Google, ao que substituirá progresivamente nos altofalantes e pantallas intelixentes existentes.
Gemini for Home mantén a activación por voz mediante a expresión “OK, Google”, pero cunha experiencia completamente renovada grazas ás súas capacidades de razoamento, inferencia e busca, que permite comprender mellor o contexto das peticións e executar tarefas complexas con maior precisión. Os usuarios poderán emitir ordes máis matizadas, como “apaga todas as luces excepto as do dormitorio”, ou combinar accións nun só comando, por exemplo “baixa a intensidade das luces e axusta a temperatura a 22 graos”.
A nova ferramenta tamén mellora a xestión da vida familiar, facilitando a creación de eventos no calendario, listaxes de compra e temporizadores mediante linguaxe natural. Ademais, ofrece respostas personalizadas sobre unha ampla variedade de temas, desde consellos para evitar especies invasoras no xardín ata recomendacións de viaxe segundo condicións meteorolóxicas, prezos e afluencia turística.
Un dos avances máis destacados é Gemini Live, unha funcionalidade que permite manter conversas fluídas e interactivas sen ter que repetir a palabra de activación. Esta opción está pensada para ofrecer axuda experta e personalizada en tempo real, tanto para tarefas cotiás como para retos máis complexos. Por exemplo, pode guiar ao usuario na preparación dun prato con ingredientes dispoñibles, ofrecer consellos culinarios durante o proceso ou axudar a resolver problemas domésticos como o mal funcionamento dun lavalouza.
Gemini for Home tamén se presenta como un colaborador creativo, capaz de xerar contidos personalizados como contos infantís ou plans de nutrición adaptados ás necesidades individuais. Esta versatilidade reflicte o compromiso de Google coa innovación e coa mellora da experiencia dos usuarios no ámbito doméstico.
Está previsto que Gemini for Home estea dispoñible en versións de balde e de pagamento, e que a súa implantación se realice de forma gradual nos dispositivos compatibles.