Gemini xa está a despregarse globalmente para Android Auto

xoves, 20 de novembro do 2025 Redacción

Google deu un novo paso na integración da súa intelixencia artificial conversacional ao anunciar o lanzamento global de Gemini en Android Auto. A compañía destaca que máis de 250 millóns de vehículos son compatibles coa plataforma, polo que a chegada desta ferramenta promete transformar a interacción ao volante cun asistente máis natural, intuitiva e capaz de xestionar tarefas complexas sen distraer a condución.
A incorporación de Gemini está dirixida os usuarios que xa deron o salto desde Google Assistant á nova aplicación nos seus móbiles. Gemini mantén as funcións clásicas de control por voz, pero amplía de maneira considerable o nivel de conversa, permitindo pedir accións sen fórmulas ríxidas e mantendo diálogos continuos para afinar resultados.
A integración con Google Maps é unha das novidades máis destacadas. O asistente é quen de responder preguntas sobre negocios próximos, atopar locais abertos no camiño ou ofrecer información relevante extraída de críticas e valoracións. Isto permite decidir en tempo real se un establecemento encaixa co que busca o condutor, desde coñecer os pratos máis populares ata saber se é un lugar apto para levar cans.
Outro dos ámbitos onde Gemini pretende marcar diferenza é na xestión de mensaxería. A IA permite ditar textos sen precisar precisión milimétrica, engadir detalles esquecidos sobre a marcha, traducir a máis de 40 idiomas e mesmo compartir a hora estimada de chegada acompañada de emoticonas. Cando chegan varias mensaxes á vez, Gemini resúmeas e propón respostas coherentes co contexto.
A función produtiva tamén medra, xa que agora é posible consultar correos de Gmail mentres se conduce. O asistente pode localizar datos agochados entre mensaxes —como a dirección dun hotel— e iniciar a navegación cara ao destino. Ademais, continúa dispoñible o acceso conversacional a Google Calendar, Google Tasks, Google Keep e ás aplicacións equivalentes de Samsung, ás que se irán sumando outras de terceiros.
A reprodución musical tamén se beneficia do novo asistente. Sen necesidade de lembrar cancións concretas nin xéneros específicos, Gemini xera listas adaptadas á situación, ao estado de ánimo ou ao tempo atmosférico en plataformas como YouTube Music ou Spotify.
Finalmente, Gemini introduce unha función chamada Live, actualmente en beta, coa que é posible manter unha conversa continua para aprender sobre un destino, xerar ideas para agasallos ou practicar discursos e intervencións importantes, todo mentres se conduce.
O novo asistente comeza a despregarse hoxe en 45 idiomas a nivel global. Para utilizalo, Google indica que abonda con ter activa a aplicación de Gemini no móbil. Un aviso na pantalla do vehículo confirmará a dispoñibilidade, tras o cal é posíbre activar a IA con «Hey Google», co botón do micrófono na pantalla ou coa pulsación longa do control de voz no volante.

Vídeo promocional de Gemini para Android Auto