GenTech pecha a súa sexta edición con récord de participación e expansión territorial
mércores, 9 de xullo do 2025
Este mes de xullo rematou a actividade da sexta edición de GenTech, a iniciativa da firma galega Altia (Oleiros, A Coruña) para fomentar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre estudantes de Secundaria e Bacharelato, que pechou este ano con cifras destacadas e novos fitos. Altia explicou que o balance da sexta edición do programa resúmese con tres conceptos: máis charlas, máis voluntariado, máis impacto.
Durante esta edición, leváronse a cabo un total de 17 charlas en localidades da Coruña, Ourense, Pontevedra, Madrid e, por primeira vez, Bilbao, ampliando así o alcance territorial do proxecto. En total, máis de 900 estudantes puideron asistir a estes encontros con profesionais do sector tecnolóxico.
Un dos datos máis destacados foi a implicación das persoas voluntarias: 19 profesionais de Altia e Bilbomática dedicaron o seu tempo e experiencia para achegar o mundo da tecnoloxía ás aulas. “Esta participación”, informou Altia, “supón o maior número de persoas voluntarias nunha edición de GenTech ata a data, reforzando ademais o espírito de grupo”.
Desde o seu lanzamento, GenTech chegou a máis de 2.500 estudantes en 80 charlas realizadas en 77 centros educativos de catro comunidades autónomas: Galicia, Madrid, Comunidade Valenciana e País Vasco. Ademais, o equipo de voluntariado seguiu a medrar: xa son 33 profesionais os que participaron nalgunha das edicións compartindo as súas traxectorias, retos e aprendizaxes no sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación)
Segundo explica Altia, “GenTech non é só unha charla, é un espazo de encontro no que estudantes e profesionais dialogan sobre o presente e futuro da tecnoloxía, as oportunidades que ofrece unha formación en STEM; e o papel crave que xogarán as habilidades dixitais no mundo que vén”.
