Ghost of Yōtei chegará con mandos e consolas PS5 a xogo

venres, 11 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Sucker Punch anunciou dúas edicións limitadas da consola PS5 que acompañarán o lanzamento de Ghost of Yōtei, o esperado título ambientado na Ezo ficticia, a actual Hokkaido. Os deseños especiais, elaborados en colaboración co equipo de Sony Interactive Entertainment, chegan acompañados dun mando DualSense a xogo e buscan reflectir o espírito e a estética do xogo protagonizado por Atsu.
A primeira destas versións é a PS5 Edición Limitada Dourada Ghost of Yōtei, dispoñible a nivel mundial. O seu deseño está inspirado no kintsugi, a técnica tradicional xaponesa de restaurar cerámica con ouro, simbolizando a beleza das imperfeccións e o proceso de sanación do protagonista, Atsu. A consola presenta unha cuberta con trazos dourados que evocan esa técnica e inclúe o selo especial do fabricante gravado con símbolos de PlayStation tanto na parte traseira como no mando.
A segunda versión é a PS5 Edición Limitada Negra Ghost of Yōtei, venderase en exclusiva a través da tenda dixital de venda directa de PlayStation. Esta consola toma como referencia o sumi-e, a arte xaponesa da pintura con tinta negra. A cuberta destaca por mostrar os monumentos de Ezo cunhas audaces pinceladas negras, reflectindo o misterio da rexión e o conflito interior de Atsu. Tamén inclúe o selo do fabricante e un mando a xogo, cunha silueta de Atsu gravada no panel táctil.
Ambos lotes inclúen unha consola PS5 con lector de discos, un mando DualSense a xogo e unha copia dixital da edición estándar de Ghost of Yōtei, así como contido adicional de reserva: unha máscara exclusiva para o xogo e un conxunto de sete avatares de PSN baseados en Atsu e nos Seis de Yōtei.
Os usuarios que xa teñan unha consola PS5 dos modelos slim ou PS5 Pro tamén poderán adquirir as cubertas decorativas de ambas edicións por separado. Tanto as cubertas como os mandos DualSense das dúas edicións poderán adquirirse por separado. Os deseños reproducen elementos icónicos do xogo, como o monte Yōtei, as marcas no mapa do protagonista e trazos visuais extraídos da súa máscara ou das súas pinturas.
Ghost of Yōtei estará dispoñible o vindeiro 2 de outubro, e os lotes de consola e accesorios de edición limitada chegarán o mesmo día.

Vídeo no que se amosan as consolas e os accesorios inspirados en Ghost of Yōtei