Ghostwire: Tokyo chega a Xbox Series X|S

mércores, 12 de abril do 2023 Marcus Fernández

O 25 de marzo de 2022 chegou a PlayStation 5 e PC o xogo de Bethesda Ghostwire: Tokyo, que tiña asinada unha exclusiva temporal en consola que vén de rematar, polo que agora que chega a súa actualización O fío da araña (que engade contido, un novo modo de xogo, máis misións secundarias e novos inimigos procedentes de lendas urbanas) aproveitan para estrear este interesante título en Xbox Series X|S (incluíndose tamén no Xbox Game Pass) e tamén na tenda de xogos para Windows de Microsoft. Cómpre salientar tamén que a versión para PlayStation 5 ten actualmente un 65% de desconto e tamén está incluída en PlayStation Plus Extra.
O xogo sitúanos nun Tokio no que desapareceu a poboación e ten as rúas ateigadas de mortais forzas sobrenaturais contra as que hai que loitar empregando un arsenal de capacidades elementais para revelar a verdade detrás do acontecido e salvar a cidade.
Ghostwire: Tokyo achega unha visión única de Tokio, permitindo explorar dende a súa paisaxe urbana ultramoderna até os seus templos tradicionais, mentres imos atopando unha chea de Yokai, pantasmas vingativas que asexan nas rúas.
Un xogo bastante competente, que agora chega a moitos máis usuarios grazas á súa estrea para Xbox Series X|S e, moi especialmente, á súa incorporación ao Game Pass, o que fará que moitos xogadores dean unha oportunidade á súa curiosa proposta.

Tráiler de lanzamento da nova actualización de Ghostwire: Tokyo