Gigaset presenta a primeira xeración dos seus dispositivos intelixentes
mércores, 2 de setembro do 2015
A compañía xermana
Gigaset, centrada en produtos de telefonía e herdeira da bagaxe de
Siemens, anunciou estes días a chegada ao mercado da súa liña
propia de dispositivos intelixentes, unha
liña que tira proveito da experiencia da devandita Siemens (e que
supón o seu mantemento). A presentación dos smartphones
de seu coincidiu coa celebración da feira IFA de Berlín e nela
déronse a coñecer tres modelos concretos, Gigaset Me Pure, Gigaset
Me e Gigaset Me Pro. A serie Gigaset Me, en palabras da compañía,
salienta por xuntar a tecnoloxía de última xeración “coa
dilatada experiencia da empresa en materia desenvolvemento e
electrónica de consumo”.
Segundo fixo saber na
feira Charles Fränkl, director executivo de Gigaset, “puidemos
contar coa infraestrutura e os mellores equipo, ideas e tecnoloxía
para que este proxecto sexa un éxito duradeiro neste mercado
competitivo”.
De feito, engadiu, cada
un destes “premium smartphones” foi fabricado en base ás
demandas de calidade, deseño e estilo de vida dos usuarios máis
activos e actualizados, amais de incorporar “a calidade e os
valores propios da enxeñaría alemá”. Entre outras cousas,
incorporan cámaras de alta resolución de entre 13 e 20 megapíxeles
(con lentes de gran angular e un bo número de prestacións que
permiten realizar fotos de gran calidade), deseño de cristal (marca
Gorilla) e aceiro inoxidábel que protexe ao aparello do po e máis
da humidade, pantalla de cinco polgadas Full HD (que soben ás 5,5 no
modelo Pro), son HD de gama alta e procesadores de oito núcleos de
64 bits Snapdragon 810 (modelos Me e Me Pro) e Snapdragon 615 (modelo
Me Pure). Ademais, inclúen a versión 5.1.1 de Android e 3 GB de
memoria DDR4 e 32 GB de memoria interna (que no caso do Me Pure
sitúase en 16).
Todos os dispositivos
estarán dispoñíbeis para a súa comercialización en Europa e
China no outono de 2015. Os prezos recomendados serán de 349 para o
modelo básico Me Pure, 469 euros para Gigaset Me e 549 para o modelo
Premium Me Pro.