Gladiator A.D. levará o circo romano á Wii

martes, 26 de maio do 2009 Marcus Fernández

O estudo High Voltage, responsables do agardado The Conduit para Wii, veñen de dar conta dun dos títulos nos que están a traballar, e que viña espertando certa expectación nas últimas semanas: Gladiator A.D.
O xogo resulta bastante sorprendente pola súa temática, claramente violenta (tendo en conta as malas vendas de xogos coma Madworld, House of the Dead: Overkill e Grand Theft Auto: Chinatown Wars nas consolas de Nintendo) e grazas a unha entrevista para IGN a David Pellas, director de deseño do xogo, podemos coñecer detalles do que será Gladiator A.D., que contará cunha grande variedade de gladiadores (que irán desbloqueándose segundo progresemos), canda un coa súa historia, aparencia, estilo de combate e armas, existirán distintos tipos de ataque (con golpes finais), as accións afectarán á historia (mestura elementos de estratexia e RPG), contará con múltiples areas e o obxectivo será proclamarse grande campión no Coliseo.
Aínda que a historia do xogo poida lembrar a películas coma Gladiator, o xogo inspirouse en 300 á hora de darlle unha aparencia cinematográfica ao xogo e mesmo conta co Jeff Beal (autor da música da serie televisiva Roma) para pór banda sonora a este título para Wii que utilizará o motor gráfico Quantum 3 (o mesmo que The Conduit), aproveitará o Wii MotionPlus e sairá á venda no primeiro trimestre de 2010.
A vindeira semana poderemos ver no E3 máis detalles deste impresionante título, que se amosará ao público xunto con The Conduit, deixando claro con estes dous produtos que a Wii non é unha máquina que sirva só para xogos de personaxes cabezóns orientados a un público familiar.

PUBLICIDADE