GlassUp: unhas lentes de realidade aumentada que custarán só 299 euros

luns, 11 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Moito está a dar que falar o proxecto de lentes de realidade aumentada de Google, pero existen iniciativas moito máis modestas, con obxectivos a un prazo mais curto e prezos máis asumibles como GlassUp, que consiste nuns lentes que integran un proxector cunha resolución de 320 x 240 píxeles no que podería amosarse información de Facebook, Twitter, o correo electrónico ou as mensaxes de texto que cheguen ao noso móbil, co que se comunicaría a través de Bluetooth 4 ou 3.1, e que ten xa aberto o seu proceso de reserva, tendo fixado como prezo 299 euros e data de lanzamento o mes de setembro. O mes que vén está previsto que tamén capte financiamento a través de Kickstarter.
Aínda que inicialmente o produto estea destinado a usar con móbiles con iOS e Android, os seus responsables aseguran ter a intención de facelo funcionar tamén con Windows Phone, intencións que resultan moi prometedoras, pois non estariamos ante unha solución excesivamente atada a unha plataforma móbil.
Esta solución de realidade aumentada pretende ser lixeira e cómoda, utiliza unha tecnoloxía que aseguran que non fatigará a vista, será doada de utilizar e incluso poderá adaptarse a lentes graduadas. Un dos grandes retos que terá que superar este proxecto para facerse realidade será o conseguir cartos para atender a súa demanda inicial, pois actualmente corre o risco de morrer de éxito, xa que cos pedidos iniciais estiman unhas vendas de 1 millón de unidades nun ano, o que nun principio é unha boa nova, pero iso supón que teñen que arrincar con varios millóns de dólares só para asumir os custos de produción das primeiras lentes.

PUBLICIDADE