Gmail incrementa as opcións do seu menú contextual

martes, 12 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Dende Google están a espallar unha novidade de Gmail que vai ser moi benvida pola meirande parte dos seus usuarios: máis opcións no menú contextual. Isto quere dicir que cando esteamos na bandexa de entrada e premamos o botón dereito do rato do noso ordenador xa non só teremos as opcións de Arquivar, Marcar como non lida e Eliminar, senón que tamén teremos opcións para Responder, Responder a todos, Reenviar, Adiar, Mover, Etiquetas, Silenciar, buscar outras mensaxes do mesmo usuario (e outras opcións de busca) e incluso abrir nunha nova fiestra, ou sexa, que as moitas opcións que temos normalmente debaixo do campo de busca de Gmail agora tamén as teremos nun menú contextual, axilizando o acceso a estas opcións.
Este cambio rematará chegando a todos os usuarios de Gmail, pero a súa adopción será progresiva, polo que hai usuarios que xa o teñen activo, mentres que outros poderían ter que esperar un par de semanas para poder facer un uso máis eficiente do correo web de Google.

PUBLICIDADE