Gmail xa permite mudar de enderezo de correo electrónico

mércores, 27 de maio do 2026 Marcus Fernández

Google anuncio a finais do ano pasado que estaba a ultimar un mecanismo que permitiría mudar o enderezo de correo electrónico de Gmail dun xeito seguro, xa que tras mudar de nome de usuario o servizo continuaría a recibir mensaxes co nome anterior, evitando así perder mensaxes (especialmente se están asociados a servizos nos que os usuarios se desen de alta con tal enderezo electrónico).
Para evitar abusos, o procedemento de cambio de nome só podería realizarse cada 12 meses e ata un máximo de 3 veces, de xeito que un usuario podería acumular ata 4 enderezos de correo electrónico.
A nova opción está finalmente dispoñible, permitindo que poidamos mudar o enderezo de Gmail sen perder fotografías, arquivos e subscricións, como se simplemente creásemos unha redirección de correo, pero facilitando que os usuarios poidan empregar o novo enderezo para identificarse nos servizos de Google.
O cambio de enderezo de correo electrónico pode realizarse de varios xeitos, e aínda que a meirande parte dos usuarios xa a teñen dispoñible, aínda está a despregarse, polo que nalgúns casos podería adiarse a súa chegada. Dende Google tamén advirten que a aplicación do cambio non se aplica de xeito absoluto, polo que tras mudar o enderezo é posible que nalgúns servizos ou nalgunhas seccións continúe a estar visible o enderezo de Gmail orixinal.