GoFundMe impulsa iniciativas para recuperar dos lumes o noso bosque e fauna

xoves, 26 de outubro do 2017 Redacción

Galicia ardeu e segue a arder (aínda agora), a piques de entrar o mes de novembro. Queda a comunidade internauta indiferente? A resposta é un non rotundo, e unha das poucas cousas boas de todo isto é que se demostra unha vez máis que a solidariedade non ten límites. Dende diferentes partes do territorio estatal están a poñerse en marcha iniciativas en liña para a recadación de fondos e apoios dirixidos a rematar coa lacra dos incendios. Por exemplo, dende GoFundMe, a iniciativa posta en marcha dende Catalunya por Fiona Albó para recadar 10.000 euros que contribúan á recuperación do concello das Neves, un dos máis afectados pola pasada vaga de lumes do mes de outubro (ardeu practicamente o 90% da súa superficie). O acadado destinarase á recuperación dos bosques da zona.
Outra das campañas é Axúdanos a darlles para comer, que ten como obxectivo recadar 3.000 euros para transportar alimento, doado por persoas da propia comunidade de GoFundMe, até onde están os animais das zonas máis afectadas. “O peso excesivo dos silos”, explican os impulsores da iniciativa sobre os porqués da mesma, “unido á gran extensión da comunidade con 30.000 quilómetros cadrados, e o abrupto da xeografía, fai que transportar a comida aos lugares máis afectados sexa un pesadelo de miles de euros para os que agora o perderon todo”.
GoFundMe, a plataforma dende a que abrollan estas e outras campañas, está a ofrecer os seus servizos de crowdfunding aos cidadáns afectados, organizacións e persoas “que queiran axudar a Galicia tras os devastadores incendios para que poidan publicar campañas de recolección de fondos e consigan alcanzar os seus obxectivos”.

PUBLICIDADE