GoPro anuncia tres novos dispositivos para a captación de vídeo
martes, 23 de setembro do 2025
GoPro presentou tres novos dispositivos que reforzan a súa posición no mercado da creación de contido: unha cámara 360 de nova xeración, unha cámara compacta con luz integrada e un estabilizador con seguimento automático baseado en intelixencia artificial. A compañía aposta así por un catálogo máis diverso, con propostas que van desde o ámbito profesional ata o uso máis lúdico e social.
A máis avanzada das novidades é a GoPro MAX2, unha cámara 360 deseñada para ofrecer imaxes en 8K, cun nivel de detalle que supera en arredor dun 20% ás opcións xa existentes no mercado. Incorpora gravación en 10 bits e codificación GP Log para aproveitar un rango dinámico máis amplo e facilitar a edición en posprodución.
As súas lentes substituíbles, feitas de vidro óptico resistente e hidrófugo, pódense cambiar facilmente sen ferramentas, o que aumenta a durabilidade en condicións de uso extremo. A cámara integra un sistema de seis micrófonos que permite un son envolvente máis realista, con opcións como “campo de visión sonoro” e redución avanzada do ruído do vento. A nivel de software, destaca a edición asistida por intelixencia artificial a través da aplicación Quik, que permite realizar seguimentos automáticos de obxectos e montar contido 360 cun xesto tan sinxelo como mover o teléfono. Entre outras prestacións salientan a posibilidade de fotografar a 29 megapíxeles, a batería Enduro de 1.960 mAh optimizada para frío, o GPS integrado e a compatibilidade con ata 300 Mbps de bitrate mediante firmware opcional. A súa saída ao mercado está prevista para o 30 de setembro cun prezo de 519,99 euros.
A segunda proposta é a GoPro LIT HERO, unha cámara ultracompacta que pesa apenas 93 gramos e incorpora unha luz propia que permite gravar en condicións de pouca visibilidade, incluso na escuridade total. O dispositivo aposta por un estilo visual con certo aire retro grazas á iluminación integrada, que tamén ofrece novas posibilidades creativas fronte ao acabado máis plano habitual nos smartphones. Grava vídeo en 4K a 60 fotogramas por segundo, admite cámara lenta a dobre velocidade e captura fotos de 12 megapíxeles en formato 4:3, pensado para facilitar a publicación en redes sociais. A cámara é resistente á auga ata 5 metros, mantén a coñecida robustez da marca e pode fixarse de forma magnética a diferentes superficies. A súa batería Enduro proporciona máis de 100 minutos de gravación na máxima calidade cunha soa carga. Estará dispoñible o 21 de outubro por 269,99 euros.
Completando a tríade de novidades aparece o Fluid Pro AI, un gimbal de tres eixes deseñado para ofrecer estabilización en cámaras GoPro, teléfonos móbiles e cámaras compactas de ata 400 gramos. O dispositivo integra un sistema de seguimento de suxeitos con intelixencia artificial, capaz de identificar e manter no encadre unha persoa ou obxecto tanto en posición frontal como traseira. Inclúe unha luz auxiliar para mellorar a exposición en condicións de pouca iluminación e funciona tamén como batería externa, cunha autonomía que alcanza as 18 horas. O fabricante concibiuno como unha solución para quen traballa con varios dispositivos e precisa unha ferramenta versátil, sinxela e compatible con diferentes cámaras. O seu lanzamento está previsto tamén para o 21 de outubro cun prezo de 229,99 dólares (os detalles para Europa aínda non se coñecen).
Vídeo de presentación da GoPro MAX2
