GoPro deixa o mercado dos drons

luns, 8 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A semana pasada filtrouse que GoPro estaba a preparar o despedimento de entre 200 e 300 traballadores, concentrados especialmente da súa división de drons, considerada un rotundo fracaso por numerosos motivos como o saír ao mercado practicamente á vez que un produto máis atractivo (o DJI Mavic Pro) e por ter que retirar as primeiras unidades do seu GoPro Karma do mercado por problemas de seguridade.
Agora a compañía, ao presentar os seus resultados preliminares para o cuarto trimestre de 2017 non só confirma os despedimentos (estimados nuns 254 traballadores, ou sexa o 20% do cadro de persoal), senón que tamén confirma que abandonan o mercado dos drons de consumo ante o seu nivel de competencia e as restricións normativas en EE.UU. e Europa.
Temos así a unha empresa que unha vez máis busca mudar o seu rumbo, ante a imposibilidade de manter un crecemento a longo prazo só con cámaras deportivas e, de feito, a CNBC desvelou que a compañía contratou a J.P. Morgan Chase hai uns meses para contribuír á súa posible venda. Polo momento non hai confirmación de ningunha negociación de adquisición, pero dende a dirección de GoPro si admiten o seu interese en asociarse ou verse absorbidos por outra compañía, para facilitar o seu progreso.

PUBLICIDADE