God of War: Ascensión terá modo multi-xogador

luns, 30 de abril do 2012 Marcus Fernández

Hai un par de semanas Sony anunciou o desenvolvemento de God of War: Ascensión, unha precuela da triloxía de Kratos que chegará á PlayStation 3 e da que prometeran desvelar máis detalles hoxe, e así o fixeron a través dun evento que puido seguirse en vivo a través de Ustream, e no que Todd Papy, director do xogo, adiantou numerosos detalle do novo título que sorprende por contar por primeira vez na saga cun modo multixogador en liña, no que ata 8 xogadores poderán competir en equipos de 2 a 4 integrantes repartidos en faccións baseadas na ficción do xogo (enfrontando a troianos con espartanos) e con clases definidas por deidades (Zeus, Poseidón, Ares e Hades).
No modo multixogador será posible personalizar o personaxe controlado (con traxe, armadura, armas e tatuaxes), non sendo posible elixir a Kratos (para evitar ter que amosar en pantalla a 8 guerreiros iguais ou case iguais). Os combates terán lugar en areas nas que conquistar unha zona antes que o equipo contrario e podendo derrotar a xigantescos inimigos coma o titán encadeado que puido verse no vídeo publicado hoxe mesmo.
Papy tamén revelou que Ascensión terá lugar antes de God of War: Chains of Olympus, que xa era unha precuela do primeiro God of War. Aínda que haxa moitas dúbidas sobre este camiño narrativo, dá a impresión de que incorporaron a posibilidade de competir en liña para engadir un elemento que leve aos seareiros desta saga a lanzarse de cabeza a este título que doutro xeito podería non acadar a atención desexada por Sony.


O multi-xogador de God of War: Ascensión visto en vídeo

As areas do xogo facilitarán a mecánica de combate e incluirá grandes inimigos aos que facer fronte
Aínda que no modo multixogador non poderemos controlar a Kratos, poderemos personalizar ao personaxe empregado

PUBLICIDADE