God of War: Ascensión terá unha PS3 de seu

mércores, 6 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos días chegou a algunhas tendas a versión branca do último redeseño da PlayStation 3, e hoxe confirmou Sony que a partir do 15 de marzo vai poder adquirirse nun lote especial que incluirá o xogo God of War: Ascensión (en caixa metálica e coa banda sonora do xogo e varios contidos descargables) e un mando Dualshock 3 de cor dourada e personalizado coa imaxe de Kratos, o protagonista do xogo.
A versión da PlayStation 3 que formará parte desta edición especial é a que incorpora un disco duro de 500 Gb, e aínda non se comunicou o seu prezo. O que si se seu a coñecer é que os usuarios que reserven God of War: Ascensión poderán facerse de balde cunha tarxeta de subscrición de 90 días ao servizo PlayStation Plus.


Vídeo de adianto do modo campaña de God of War: Ascensión