Gómez Caamaño destaca o interese da sanidade italiana pola plataforma TELEA

xoves, 9 de outubro do 2025 Redacción

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o interese que esperta na sanidade italiana a plataforma electrónica TELEA, coa que o Servizo Galego de Saúde monitoriza xa máis de 23.100 pacientes, sendo a diabetes a patoloxía máis seguida, ao representar o 54 % do total.
O titular da carteira sanitaria participou, xunto co xerente do Sergas, José Ramón Parada, e o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, na presentación da plataforma de seguimento de pacientes crónicos TELEA ante unha delegación italiana das rexións de Alessandria e Módena que participa no proxecto europeo CIRCE Joint Action.
Gómez Caamaño salientou que o modelo galego de teleasistencia, desenvolvido a través de TELEA, é unha das principais apostas da Xunta por unha atención sanitaria máis próxima, personalizada e dixitalmente avanzada.

Continuidade asistencial

O conselleiro expresou o seu orgullo porque TELEA fose seleccionada como unha das boas prácticas a exportar a outras rexións europeas, e subliñou que o obxectivo desta ferramenta é mellorar o seguimento dos pacientes crónicos e garantir a continuidade asistencial entre o hospital e a atención primaria, ofrecendo unha resposta eficiente e humana desde o fogar do propio doente.
Durante unha xornada celebrada no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, organizada polo Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o conselleiro sinalou que este encontro permite coñecer en detalle como a Xunta integra a telemonitorización na práctica clínica, tanto no ámbito hospitalario como no comunitario.
Gómez Caamaño insistiu en que a innovación en saúde non consiste unicamente en desenvolver tecnoloxía, senón en transformar a maneira de coidar as persoas.
O titular de Sanidade engadiu que iniciativas como o proxecto europeo CIRCE Joint Action amosan que cando as institucións cooperan e comparten as súas mellores prácticas, gañan os profesionais, os sistemas de saúde e tamén os pacientes.
Para concluír a súa intervención, o conselleiro agradeceu a implicación e o esforzo da delegación italiana na posta en marcha dos seus proxectos piloto, e expresou a súa confianza en que os resultados dese traballo se convertan nun exemplo de como a telemonitorización pode contribuír a un sistema sanitario máis accesible, equitativo e sustentable.