Gondomar clausura con éxito o curso de ciberseguridade dirixido ás novas xeracións

venres, 23 de xullo do 2021 S. P.

O Concello de Gondomar clausurou os días pasados o seu curso de ciberseguridade dirixido á xente nova, no que se puxo o foco en mostrar como sacar un rendemento racional e útil das novas ferramentas, ao tempo que se expuxeron os principais riscos dun uso sen control destes recursos.
Preto de 40 mozos de entre 8 e 13 anos recibiron durante unha semana formación teórica e práctica sobre as ferramentas e medios existentes para realizar “un uso responsábel e intelixente da Internet”.
A iniciativa veu da man do departamento de Xuventude que dirixe Nuria Lameiro, e respondeu ao obxectivo de dotar ás novas xeracións de recursos que lles axuden nas súas cada vez máis frecuentes sesións en liña, protexéndoas dun fenómeno, o da proliferación dos ataques informáticos, que non para de aumentar (sen ir máis lonxe un 125% no último ano).
Impartido por unha enxeñeira informática e unha divulgadora científica o obxectivo da actividade era reflexionar cos/as participantes sobre o uso de Internet, facilitarlles as ferramentas para tomar precaucións necesarias e protexerse de ameazas externas (roubos de cartos ou identidade, ataques, ciberacoso), así como recoñecer os comportamentos que poden ser perigosos como usuarios ou para terceiras persoas.
Unha cuestión importante que non se quixo deixar atrás é a cuestión das adicións dixitais que afecta á mocidade, “cada vez un problema máis real na nosa sociedade que require da intervención de especialistas”.

PUBLICIDADE