Google Allo dirá adeus en marzo

venres, 7 de decembro do 2018 Marcus Fernández

A estratexia de Google relativa ás aplicacións de mensaxería é moi errática, e como mostra dixo en 2016 anunciaron o desenvolvemento de dúas aplicacións diferentes, Duo e Allo, sen chegar a pechar Hangouts, confundindo enormemente ao consumidor e levando a que as novas aplicacións fracasasen rotundamente, o que levou a que saísen agora á palestra para explicar o rumbo que tomarán nos vindeiros meses, xa que xurdiran rumores de que chegarán a abandonar Google Hangouts.
Recoñecen que, agora que están a apoiar a incorporación de elementos enriquecidos ás mensaxes de texto a través da aplicación de mensaxería de Android (co estándar RCS), manter Google Allo carece de sentido, e xa a primeiros decidiron cesar os investimentos nesta ferramenta, e agora recoñecen que abandonarán completamente esta aplicación, que deixará de funcionar en marzo de 2019, dando así tempo para que os usuarios poidan buscar alternativas e exportar o seu historial de conversas.
Dende Google aproveitaron a ocasión para clarexar que van mudar os seus Hangouts, de xeito que dividirase en Hangouts Chat e Hangouts Meet, de xeito que teremos por unha banda unha ferramenta de comunicación persoal, e pola outra, unha plataforma na que poderán organizarse xuntanzas de até 100 participantes, que poderá implantarse dun xeito doado en empresas.

PUBLICIDADE