Google Arts & Culture achega as rutas xacobeas a través do proxecto ¡Buen Camino!

venres, 24 de setembro do 2021 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe o proxecto ¡Buen Camino!, para ofrecer da man de Google Arts & Culture unha fiestra á singularidade das rutas xacobeas, acadando unha nova universalidade. Durante o acto, o titular da Xunta destacou que con este proxecto, dispoñible en 11 idiomas, Galicia dá un paso máis na dixitalización do Camiño, unha viaxe que se iniciou coa posta en marcha da plataforma Smart Camiño e que continuará coa Estratexia Galicia Dixital 2030.
Feijóo aproveitou a súa intervención para agradecer a implicación do Goberno de Aragón, así como da Federación de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago e da Fundación Catedral nesta iniciativa e incidiu en que o obxectivo é que os visitantes sintan o que sinte un peregrino, «ando percorre algunha das 10 rutas oficiais, cando visita as catedrais de Mondoñedo ou Lugo, cando pasea por Santiago, cando explora as Illas Cíes, cando desfruta da gastronomía ou escoita música como a de Tanxugueiras».
O proxecto ¡Buen Camino! ofrece unha visión virtual dos diferentes Camiños de Santiago con historias inmersivas que cobran vida con 108 exposicións en liña, máis de 4.750 fotografías e vídeos, 15 visitas virtuais en 360 graos e un vídeo único que convida ao usuario a experimentar de xeito sensorial a aventura de percorrer este recoñecido traxecto.
A través deste contido virtual os peregrinos descubrirán, entre outras cousas, unha grande cantidade de monumentos e vilas con encanto, coñecerán as historias dalgúns dos peregrinos que viaxan a Compostela e atoparán consellos e recomendacións para preparar esta aventura e vivir a magnífica experiencia de facer o mellor camiño.
Entre as exposicións que se poderán gozar nesta nova experiencia que ofrece Google Arts and Culture atópanse, entre outras, as historias para coñecer máis sobre o Camiño de Santiago como este mapa ilustrado dos Camiños de Santiago en Europa con curiosidades sobre o Camiño ou Dez cosas que non sabías do Camiño de Santiago, onde as persoas poderán coñecer datos tan interesantes como De onde vén o nome de Compostela? Que papel xoga Francis Drake na historia xacobea? ou Por que tantos coreanos peregrinan a Santiago?
Tamén atoparemos historias que se centran nas persoas e a relación co Camiño de Santiago, entre as que destacan: Coñece a Yoon, un coreano namorado deste roteiro de peregrinación e que rexenta un restaurante en Santiago de Compostela, ou Persoas que traballan no Camiño, que mostra as historias de persoas cuxos traballos están vinculados ao Camiño de Santiago dunha ou outra maneira. Ademais, o proxecto mostra os Camiños de Santiago como roteiros de peregrinación accesibles a todo tipo de persoas e inclúe elementos como unha guía a través de pictogramas para facer o Camiño a Santiago, un camiño sen barreiras para facer o camiño con cadeira de rodas ou o Camiño da diversidade, con recomendacións para que todo o mundo poida gozar desta experiencia dunha maneira plena.
Así mesmo, todo o que se mergulle nesta aventura virtual poderá coñecer as marabillas culturais, naturais e arquitectónicas que rodean estes camiños a través de exhibicións como: Música galega: A banda sonora do Camiño de Santiago, unha selección de propostas contemporáneas a través das cales se poderán explorar as diferentes reinterpretacións da música de Galicia, desde a música tradicional ata o folk, o jazz, a electrónica, o trap e o rock; Fenómenos para reconectar aos viaxeiros cos seus cinco sentidos, unha viaxe de descubrimento sensorial no que os viaxeiros poderán seguir un rastro que se pode ver, oír, cheirar, tocar, sentir e vivir a cada paso; ou a exhibición Outros tipos de patrimonio arquitectónico ao longo do Camiño de Santiago, coa que se coñecerán algúns dos segredos máis sorprendentes e mellor gardados do patrimonio relixioso dos distintos Camiños, algúns famosos, outros curiosos e totalmente escuros.
Todas as persoas poderán gozar de percorridos virtuais en 360 graos para mergullarse en lugares como a Catedral de Santiago de Compostela, o Conxunto etnográfico de O Cebreiro, a Torre de Hércules ou o Mosteiro de Sobrado dos Monxes, entre outros dos incribles sitios que rodean estes roteiros.

Vídeo promocional de ¡Buen Camino!

PUBLICIDADE