Google Drive integra un editor de vídeo

venres, 22 de agosto do 2025 Redacción

Google incorporou unha nova función que permite editar vídeos directamente en Google Drive a través de Google Vids, sempre que se empregue un navegador compatible. Ao previsualizar un vídeo en Drive pode aparecer un botón Abrir na parte superior dereita; ao premer nel, o clip ábrese en Vids, onde é posible recortar o vídeo, engadir texto, música e realizar outras modificacións. A ferramenta tamén está dispoñible na aplicación móbil.
Unha vez aberto o ficheiro en Vids créase un novo ficheiro, que será necesario gardar ou exportar se se quere conservar. Aínda que resulta unha opción útil para editar vídeos xa almacenados en Drive, presenta unha importante limitación: só está dispoñible para usuarios de pagamento. En principio, Vids estará activado por omisión nas organizacións admitidas (agás que bloqueasen o acceso a Google Docs).
O servizo funciona coas dúas últimas versións de Chrome, Firefox e Microsoft Edge (só en Windows). Noutros navegadores a compatibilidade pode variar. Os formatos admitidos son MP4, QuickTime, OGG e WebM, con clips que non poden superar os 35 minutos de duración nin os 4 GB de tamaño.