Google News pecha en España
martes, 16 de decembro do 2014
Finalmente chegou a data anunciada e cando intentamos
acceder á versión española de Google News atopamos unha mensaxes na que
aseguran que “lamentamos ter que informalo de que Google Noticias pechou n
España e que as publicacións dos editores españois xa non aparecen en Google
Noticias, a raíz dos recentes cambios na lexislación española”. Vemos así como
a reforma da Lei de Propiedade Intelectual que entrará en vigor o vindeiro 1 de
xaneiro provocou unha reacción drástica por parte de Google, compañía que se
nega a ter que pagar por promocionar novas de medios de comunicación españois.
Dende Google lembran que Google Noticias é un servizo de balde, con máis de 70
edicións internacionais en 35 idiomas, nos que os editores teñen sempre total
control sobre os contidos que aparecen neste servizo, e que permítelles captar
tráfico e así xerar maiores ingresos publicitarios, polo que non consideran
razoable ter que compensalos economicamente por dar conta das novas que
publican dende un servizo que non xera ingresos (xa que non inclúe anuncios),
polo que manter o servizo en España non sería sustentable economicamente.
Temos así que España é o único país do mundo no que Google tivo que pechar o
seu servizo de novas, o que está a supor unha vergoña a nivel global, dando a
entender que os lexisladores non entenden o funcionamento da Internet, e
prefiren aplicar medidas coercitivas e impositivas a reformular integralmente a
lexislación para adaptala á realidade. Tampouco os medios promotores do canon AEDE están satisfeitos, pois tras
exercer presión sobre os lexisladores para poder tirar un maior proveito
económico de Google toparon cunha resultado oposto ao perseguido.
Cómpre destacar que iso non quere dicir que Google deixe de localizar contidos
dos medios de comunicación españois, senón que o que acontece é que deixan de
estar presentes nun apartado destinado unicamente ás novas de actualidade
separadas por temática, pois dende o buscador en español continuamos a ter
dispoñible unha categoría de busca relativa ás novas, pero o que acontece nese
caso é que non podemos facernos unha idea dos asuntos que están de actualidade,
xa que para chegar aos contidos temos que facer unha busca proactiva, ou sexa,
temos que saber previamente o que estamos a buscar.
- Google en español continúa a servir para atopar novas dos xornais españois