Google TV quere levar a web ao televisor

venres, 21 de maio do 2010 Marcus Fernández

A tarde do xoves chegaron xuntos todos os pratos fortes do evento Googl e I/O 2010, e tras presentar o Android 2.2, todos os esforzos centráronse en presentar Google TV, unha nova plataforma que busca levar a Internet ao televisor, pero non orientándose á lectura de páxinas web no salón da casa, senón aproveitando a forza da Rede para establecer unha plataforma de vídeo baixo demanda, para o que Google conta con socios tecnolóxicos coma Intel, Sony e Logitech.
Actualmente existe certa preocupación na perda de audiencia da televisión, a radio e a prensa mentres que o consumo da Rede non cesa de medrar, pero o televisor non ten que limitarse a ser un elemento pasivo, e así, coa axuda de dispositivos de entrada de datos (coma un tablet, un teclado sen fíos ou un móbil) sería posible controlar o televisor para facer buscas de programas de televisión e localizar vídeos de Internet (ou sexa, que poderían verse vídeos de YouTube no salón e, de feito, presentouse YouTube Leanback como unha versión da web optimizada para o televisor). Tamén podería presentarse en pantalla información como as actualizacións de Twitter mentres vemos un programa de televisión, aínda que dende Google pensan en todo isto como unha plataforma, de xeito que haberá que agardar para ver o que son capaces de facer os desenvolvedores con estas posibilidades que se lles abren e que en cousa dun ano poderían converterse nunha realidade.

JPEG - 44.4 KB
Logitech preparará dispositivos para levar Google TV aos televisores ordinarios

O proxecto de Google TV nace bastante limitado, pois polo momento só está confirmada a súa integración en televisores de Sony, mentres que Logitech fabricará uns receptores chamados Buddy Box que permitirán levar a nova experiencia aos televisores convencionais.
Para que esta nova plataforma prospere, dende Google tamén animan aos desenvolvedores a optimizar as súas páxinas web para Google TV, de aí que lanzaron un SDK e unha API web. Nesta liña, durante a presentación de Google TV amosouse unha optimización da web oficial da NBA que, entre outras cousas, permite consultar o calendario de encontros para poder programar a súa gravación.


Vídeo de presentación de Google TV

PUBLICIDADE