Google achéganos respostas de celebridades en vídeos captados co móbil

xoves, 7 de decembro do 2017 Marcus Fernández

A versión móbil de Google en EE.UU. (en inglés) está a sorprender cunha curiosidade que serve para achegar ao público a celebridades do cine e da televisión, de xeito que cando preguntamos cousas sobre eles, en vez de atopar como resposta un artigo dun medio de comunicación ou unha páxina da Wikipedia teremos á propia persoa respondendo en vídeos ao máis puro estilo selfie, ou sexa, que buscan dar un toque persoal ao ofrecer gravacións en vertical tomadas cun smartphone.
Este experimento de Google conta actualmente con Priyanka Chopra (Quantico), Will Ferrell (Saturday Night Live), Tracee Ellis Ross (Black-ish), Gina Rodríguez (Jane the Virgin), Kenan Thompson (Starday Night Live), Allison Williams (Déjame salir), Nick Jonas (Jonas Brothers), Mark Wahlberg (El Planeta de los Simios), James Franco (Oz, un mundo de fantasía), Seth MacFarlane (Padre de Familia), o artista Jonathan Yeo e o cociñeiro Dominique Ansel, de quen poderemos coñecer diferentes anécdotas narradas en primeira persoa. Unha vez que chegamos a unha resposta dunha celebridade, podemos desprazarnos mediante xestos por todas as demais que gravou, polo que practicamente poderiamos estar vendo unha entrevista da que as preguntas foron elaboradas por unha enorme base de afeccionados.
Polo momento só teñen unha mostra do que poden ofrecer este tipo de respostas en vídeo, adiantando que nos vindeiros meses terán moitos máis contidos de celebridades.

PUBLICIDADE