Google comeza a amosar podcasts reproducibles directamente nos resultados de busca

venres, 10 de maio do 2019 Marcus Fernández

A aplicación Google Podcasts non só facilita o acceso ao podcasting dende dispositivos con Android, senón que podería ser a porta para que os podcasts puidesen estar moito máis accesibles para o público xeral, segundo deixaron caer durante o Google I/O, onde anunciaron que «nos vindeiros meses comezaremos a incluír podcasts nos resultados do buscador de Google de xeito que poderanse escoitar os podcasts directamente na páxina de resultados de busca ou gardar o episodio para despois», pero a sorpresa é que esta funcionalidade xa está botando a andar, e algún podcast norteamericano xa está dispoñible a través do buscador de Google.
Aínda que xa existen distintas plataformas que permiten a reprodución de podcasts vía web, o feito de que os podcasts estean visibles e reproducibles directamente en Google fainos moito máis accesibles e, aínda que prefiramos empregar unha aplicación de xestión de podcasts distintas de Google Podcasts, esta integración na web contribúe a dar a coñecer este formato de consumo de contidos sonoros.

PUBLICIDADE