Google conmemora o 178º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro

martes, 24 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Esta madrugada moitos galegos se sorprenderon ao ver que ao entrar en Google aparecía no logotipo do buscador unha imaxe bastante familiar: a escritora Rosalía de Castro, que durante a xornada de hoxe celebraría o seu 178º aniversario. De premer sobre a imaxe atopariamos resultados de busca sobre a autora galega. Este xeito de conmemorar a figura de Rosalía foi moi benvida na Rede, manténdose durante bastantes horas como tema do momento en Twitter.
Esta conmemoración do nacemento de Rosalía contribúe a destacar a súa figura, considerada chave na nosa literatura por xogar un importante papel no Rexurdimento e considerarse como a fundadora da nosa literatura, de aí que o Día das Letras Galegas se celebre o 17 de maio (data de publicación de Cantares Gallegos).
Cómpre destacar que a relevancia de Rosalía de Castro non foi recoñecida en vida, e sería tras o seu pasamento cando comezou a ser reivindicada, tanto na literatura galega como na española, destacando agora tamén na Internet grazas ao doodle de Google, que fai que os galegos poidamos celebrar que a nosa literatura de xeito virtual, destacando a Rosalía nesta data sinalada.

PUBLICIDADE