Google deféndese das acusacións de monopolio nos EE.UU.

mércores, 21 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O Departamento de Xustiza dos EE.UU. presentou unha demanda contra Google por violación da lexislación antimonopolio, e aínda que algún dos argumentos esgrimidos son totalmente válidos (e tamén se empregaron en causas semellantes por parte da Comisión Europea), dende Google deféndense asegurando que a demanda é «profundamente defectuosa» e non beneficia en nada aos consumidores, aos que forzaría artificialmente a alternativas de busca de menor calidade, dificultaríalles o uso do servizo de busca que desexan empregar e incluso podería levar ao incremento do prezo dos smartphones.
Por unha banda, Google non cre razoable que os acusen de pagar para que o seu buscador veña preinstalado en numerosos dispositivos, xa que pagar para promocionar un servizo é algo que que fan case todas as empresas e, de feito, en plataformas como os escritorios informáticos a presenza de Microsoft é case absoluta, colocando de xeito predeterminado o seu buscador Bing, o que non impide que os consumidores muden rapidamente a súa configuración para empregar Google, xa que é o servizo de busca que desexan empregar activamente.
Nos dispositivos de Apple a cousa non é moi diferente, e aínda que Apple cobre por preinstalar Google, facilita a elección de buscador nos seus navegadores web de escritorio e móbiles, o que leva a que os consumidores unha vez máis continúen a apostar polo buscador de Google.
En Android tamén hai acordos para que o buscador de Google estea preinstalado, pero dende Google aseguran que é moi doado, por exemplo, mudar o buscador por Bing e incluso instalar unha barra de busca de Bing en Android, de xeito que non habería atrancos para a presenza dos buscadores de terceiros, quedando a elección unha vez máis nas mans do usuario.
Como principal argumento contra a demanda dende Google aseguran que os usuarios non empregan Google porque teñan que facelo, senón porque queren facelo, xa que actualmente mudar de servizos e aplicacións non é unha tarefa lenta ou complexa, o que queda claro se vemos que moitas das aplicacións máis populares do mundo non veñen precargadas nos smartphones (WhatsApp, Spotify, Instagram, Facebook...). E para deixar claro que os consumidores si prefiren empregar Google, citan exemplos como cando Yahoo! pagou por ser o buscador predeterminado de Firefox, o que levou a que de xeito xeral os usuarios mudasen a configuración do navegador para empregar Google, do mesmo xeito que os usuarios de PC non empregan masivamente Bing como buscador.
Un detalle que tamén é relevante á hora de defenderse das acusacións de monopolio sería que, incluso omitindo os buscadores rivais, Google non sería o buscador para todo, senón que existen numerosos buscadores temáticos dende o punto de vista do usuario, de xeito que para buscar produtos para mercar moitos recorren directamente a Amazon ou para informarse da actualidade tamén hai que recorre a Twitter, polo que consideran que tomar medidas artificiais que dificulten o uso de Google como buscador predeterminado non suporía ningún beneficio real.

PUBLICIDADE