Google emprega os datos públicos na web para adestrar as súas IA

martes, 4 de xullo do 2023 Marcus Fernández

O pasado día 1 as políticas de privacidade de Google mudaron, sendo especialmente relevante o feito de que destacan que «Google tamén recompila información sobre ti de fontes dispoñibles publicamente», ou sexa, de xornais en liña e outros tipos de publicacións en aberto, detallando que a información recollida pode «aplicala aos modelos de IA de Google e crear funcións como o Tradutor de Google, Bard e as opcións de IA na nube».
Deste xeito Google estaría a deixar claro que fai uso de información na web para adestrar as súas intelixencias artificiais ao igual que tamén emprega os datos recollidos para amosar resultados de busca. Tras clarexar isto podemos entender que se unha páxina web quere aparecer nos resultados de Google non ten outro remedio que aceptar que Google aproveite o seu contido para adestrar os seus grandes modelos de linguaxe, o que deberiamos considerar aceptable xa que prevese que estas tecnoloxías xoguen un rol crucial á hora de amosar resultados de busca.

PUBLICIDADE