Google está a probar unha nova plataforma de xornalismo cidadán

venres, 26 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O servizo de Google News, non dispoñible en España para evitar a lexislación local que forzaría a Google a pagar aos medios de comunicación por escolmar as súas informacións, está a experimentar coa potenciación das novas de ámbito local, e para iso teñen en probas un novo servizo chamado Bulletin, que consistirá basicamente nunha aplicación para smartphones que facilitará que calquera poida crear historias de proximidade para compartilas coa súa comunidade, permitindo así dar voz a particulares que queiran narrar acontecementos que doutro xeito non chegarían ao público, e que estarán visibles de xeito público, doadas de atopar en buscas de Google, e que poderán compartirse en redes sociais, correo electrónico e aplicacións de mensaxería a través de ligazóns.
Bulletin é unha aplicación lixeira de balde, que permite publicar fotografías, vídeos e imaxes directamente no móbil, sen ter que crear un blog ou desenvolver unha páxina web, de xeito que cada historia de Bulletin pode crearse de xeito autónomo.
O programa piloto deste servizo está a realizarse en Nashville (Tennessee) e Oakland (California), estando aberta a presentación de solicitudes para participar nesta iniciativa na súa fase temperá.

PUBLICIDADE