Google estrea a súa plataforma de xogo na nube

martes, 19 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Finalmente hoxe botou a andar o servizo de xogo na nube de Google, Stadia, en primicia para subscritores da súa modalidade de pagamento, cun catálogo inicial de 22 xogos, e cun inicio que moitos consideran decepcionante xa que tras un pagamento inicial de 129 euros para poder gozar de 3 meses de servizo recíbese o acceso a unha beta dun servizo que tardará meses en ter todas as súas funcionalidades dispoñibles.
O prezo que se paga actualmente por Stadia Pro inclúe os xogos Destiny 2 e Samurai Shodown, pero polo resto de títulos hai que pagar o seu prezo completo (aínda que con algún título dispoñible con desconto até o 2 de decembro) como é Assassin’s Creed Odyssey por 69,99 euros, RAGE 2 ou Shadow of the Tomb Raider por 59,99 euros ou NBA 2K20 por 49,99 euros, o que pode resultar bastante difícil de xustificar nun momento do ano no que temos unha sucesións de campañas de rebaixas nas tendas de videoxogos nos que a meirande parte dos títulos poderán conseguirse por menos da metade do prezo de Stadia nas súas versións para PC, Xbox One ou PS4.
Cómpre salientar que aínda que Stadia Pro promete diferenciarse do servizo de balde por ofrecer gráficos 4K a 60 imaxes por segundo con HDR e son 5.1 (mentres que Stadia Base limitaríase a Full HD en estéreo), as probas realizadas por Digital Foundry confirmarían que a promesa de que Stadia ten máis potencia que unha Xbox One X e una PS4 Pro xuntas está moi lonxe de cumprirse, e incluso quedaría bastante por detrás da Xbox One X tanto en latencia como en calidade gráfica. Xogos como Destiny 2, Mortal Kombat 11 ou Shadow of the Tomb Raider terían entre 44 e 56 milisegundos de latencia máis en Stadia que en Xbox One X, o que non faría que a experiencia fose inxogable (aínda que no caso de Mortal Kombat 11 que a Xbox teña só 78 milisegundos de latencia e Stadia 122 milisegundos resulta complicado facer balance, xa que temos o xogo de Stadia con menor latencia, pero tamén con maior distancia relativa con respecto a unha consola tradicional).
Pero en resolución Stadia si parece lonxe de cumprir o prometido, e aseguran que Shadow of the Tomb Raider non corre en 4K, senón en Full HD reescalado; Red Dead Redemption 2 funcionaría a 1440p a 30 imaxes por segundo e cunha imaxes máis comprimida do desexable (polo que non acadaría nivel de calidade que podería considerarse esixible); e Destiny 2 tamén tería unha calidade de imaxe bastante superior en Xbox One X; aínda que o que si apuntan é que en Stadia non hai que padecer os longos tempos de carga das versións de consola, polo que a vantaxe algo que si é moi interesante dos xogos na nube é precisamente a redución dos tempos de carga e a erradicación dos tempos de esperar por mor dos procesos de descarga, instalación e actualización, que nas consolas da presente xeración son realmente molestos.

Tráiler de lanzamento de Google Stadia

PUBLICIDADE