Google mellorará a información meteorolóxica en Android

xoves, 21 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Se hai unha categoría na que se prodigan as aplicacións móbiles esa é a da meteoroloxía, con centos de ferramentas para consultar a predición meteorolóxica, aínda que na meirande parte dos casos empregan as mesmas fontes, e para evitar a necesidade de ter que recorrer a aplicacións de terceiros e pór cada vez máis doado aos usuarios a consulta do estado do tempo dende Google anuncian que están a renovar a aplicación do tempo para Android.
Así, cando busquemos sobre o tempo ou preguntémoslle a viva voz ao móbil se vai chover mañá na aplicación de Google, aparecerá unha ficha coas condicións do ceo e a probabilidade de chuvia a cada hora, alertas climatolóxicas, predición a 10 días, información sobre a calidade do aire, o índice de radiación ultravioleta, a hora do amencer e do solpor... ao que tamén se poderá engadir a posibilidade de engadir as nosas localizacións favoritas para axilizar a consulta da información do tempo nos lugares que máis frecuentamos ou aos que imos viaxar. A aplicación tamén contará cun deseño novo, que facilite coñecer o estado do tempo nunha única ollada, con cores de fondo que muden en función da condición do ceo e incluso teremos unha especie de mascota que animará os gráficos que representan esta información.

PUBLICIDADE