Google non terá que desprenderse de Chrome

martes, 2 de setembro do 2025 Redacción

O Tribunal de Distrito de Columbia fixo pública a súa resolución no macroproceso antimonopolio contra Google, iniciado polo Departamento de Xustiza dos Estados Unidos e por máis de 40 estados. A sentenza conclúe a fase de reparación tras declarar probado que a compañía mantivo ilegalmente o seu monopolio en servizos de busca e publicidade asociada mediante acordos exclusivos con fabricantes e operadores.
A decisión establece unha batería de medidas dirixidas a limitar o poder de Google e a restaurar a competencia. Entre as máis relevantes, o tribunal prohibe á empresa pechar contratos exclusivos para distribuír o buscador de Google, Chrome, o asistente de voz ou a aplicación Gemini en dispositivos móbiles e navegadores. Tamén obriga a unha maior transparencia nos procedementos de poxa de anuncios, logo de constatar que a compañía incrementara prezos de forma encuberta a través de pequenos axustes técnicos.
Porén, o tribunal rexeitou algunhas das peticións máis severas dos demandantes. Non haberá desmembramento de Chrome nin un eventual desagregación de Android, ao considerar que estas medidas eran desproporcionadas. Tampouco se aceptou a creación dun fondo nacional de educación pública nin a imposición de restricións amplas contra represalias ou prácticas de autopreferencia, por seren demasiado vagas.
Sobre os actuais contratos que Google mantén con Apple e Mozilla para colocar o seu buscador de xeito predeterminado en Safari e Firefox, o tribunal considerou que se trata de acordos anticompetitivos, pero iso non significa o peche desas colaboracións, senón que simplemente terán que coidar que o uso de Google como buscador nos navegadores non sexa exclusivo, o que permitirá a supervivencia do navegador Firefox (que depende economicamente de Google) e supón certa tranquilidade para Apple (que recibe preto de 20 mil millóns de dólares ao ano de Google por non facer practicamente nada).
A sentenza recoñece, ademais, o papel emerxente da intelixencia artificial xenerativa como novo campo competitivo. Os xuíces advertiron que o control de Google non debe trasladarse ao ámbito dos modelos de IA aplicados á busca, polo que algunhas disposicións céntranse en garantir que o mercado da IA xenerativa non quede pechado polos mesmos mecanismos que blindaron o dominio da compañía no buscador.
O fallo terá unha vixencia de seis anos, prorrogables, e entrará en vigor sesenta días despois da súa publicación. Durante ese tempo, un comité técnico supervisará a súa aplicación e poderá recomendar axustes adicionais. As partes deberán presentar antes do 10 de setembro unha proposta conxunta de sentenza final adaptada ás directrices do tribunal.