Google ofrece 40 millóns de dólares pola tecnoloxía de wearables do Fossil Group

xoves, 17 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Un dos fabricantes de reloxos tradicionais que máis tempo leva apostando por Android Wear (plataforma agora coñecida como Wear OS) é Fossil, que destacaba por comercializar smartwatches coa aparencia de reloxos analóxicos, facendo que o seu uso fose máis discreto que os modelos máis tecnolóxicos ou deportivos, e semella que esta interesante posición no mercado resulta atractiva para Google, compañía que ofreceu 40 millóns de dólares pola propiedade intelectual da división de reloxos conectados do Fossil Group, operación na que tamén entrarían parte do equipo de investigación e desenvolvemento que facilitará a transferencia da propiedade intelectual a Google.
Fossil continúa a considerar a Google un socio estratéxico, e pretende seguir colaborando con el no sector dos produtos wearables, polo que a operación de compra que pretende pecharse este mesmo mes o que daría a entender é que Google retomará o seu traballo no sector dos smartwatches, que tiña bastante abandonado, deixando que o Apple Watch se convertese nun produto sen competidores de peso. Ou sexa, que semella probable que en pouco tempo vaiamos saber máis dos avances de Google a respecto de Wear OS, plataforma de wearables que precisa dun golpe de efecto se quere recuperar o seu pulo, especialmente despois de que fabricantes como Samsung ou Xiaomi estean a empregar plataformas alternativas.

PUBLICIDADE