Google podería ter purgado preto da metade das aplicacións da súa tenda

mércores, 30 de abril do 2025 Redacción

A tenda de aplicacións para dispositivos móbiles de Google reduciu drasticamente o número de aplicacións dispoñibles no que vai de 2024, pasando de 3,4 millóns a só 1,8 millóns a nivel mundial, segundo datos de Appfigures. Esta caída do 47 % responde a unha política máis estrita da compañía para eliminar aplicacións de baixa calidade, con funcionalidade limitada ou potencialmente enganosas.
Segundo confirmou Google, a limpeza do seu catálogo de aplicacións está directamente relacionada coa implantación de novas normas de calidade, a ampliación das revisións humanas, esixencias máis ríxidas de verificación e probas obrigatorias en contas novas de desenvolvedores particulares. Grazas a estas medidas, a empresa evitou a publicación de 2,36 millóns de apps que incumprían as súas políticas e vetou máis de 158.000 contas de desenvolvedores que tentaban difundir software malicioso.
Con estas medidas Google busca facilitar unha experiencia máis segura e útil para os usuarios de Android, que historicamente tiñan que navegar entre aplicacións fraudulentas, de spam ou sen valor funcional para atopar contidos de calidade. A limpeza tamén favorece aos desenvolvedores, ao reducir a competencia desleal e mellorar a visibilidade das aplicacións ben deseñadas.
En xullo de 2024, Google empezou a aplicar novos criterios para vetar aplicacións con pouca funcionalidade ou contido escaso. Isto incluíu aplicacións estáticas sen funcións específicas, como as de só texto ou arquivos PDF, así como aquelas que ofrecían un único fondo de pantalla ou simplemente non facían nada. Moitas destas eran probas ou proxectos abandonados.
Tamén desde febreiro de 2024, a Unión Europea comezou a esixir que os desenvolvedores que queiran vender aplicacións compartan o seu nome e enderezo público, unha norma que implica a retirada das aplicacións que non cumpran este requisito.
Appfigures destaca que a caída de aplicacións na tenda de Google xa se viña detectando antes do verán pasado, cando comezou oficialmente a purga. Tamén sinalan que no que vai de 2025 xa se produciron 10.400 novos lanzamentos na tenda de aplicaicóns, un aumento do 7,1 % respecto ao ano anterior, o que podería indicar unha recuperación con aplicacións de maior calidade.