Google podería ter que vender parte do seu negocio publicitario

martes, 6 de maio do 2025 Redacción

O Departamento de Xustiza dos Estados Unidos propón que Google venda parte do seu negocio publicitario para restaurar a competencia no sector da tecnoloxía publicitaria. A proposta chega despois de que un xuíz declarase a compañía culpable de manter de forma deliberada un monopolio na publicidade dixital.
A principal medida do Departamento de Xustiza é o desinvestimento de AdX, a plataforma de intercambio publicitario de Google, así como a venda progresiva de DoubleClick for Publishers (DFP), o seu servidor de anuncios para editores. Ademais, Google non poderá operar unha nova plataforma de intercambio durante dez anos despois da venda de AdX.
Segundo o Departamento de Xustiza, Google impuxo aos editores o uso das súas ferramentas, ameazando con perdas de ingresos se non empregaban AdX, e combinou estratexicamente esta plataforma con DFP para reforzar o seu control sobre o mercado. A proposta tamén obriga a compañía a garantir que ferramentas como AdWords sexan compatibles con tecnoloxía publicitaria de terceiros en condicións non discriminatorias.
O Departamento de Xustiza considera que estes cambios son necesarios para desfacer os monopolios creados por Google, restaurar a competencia e impedir que se repitan condutas similares no futuro.
Google, pola súa banda, rexeita estas medidas. A súa vicepresidenta de asuntos regulatorios, Lee-Anne Mulholland, afirmou que as propostas do DOJ van máis aló da sentenza xudicial e que prexudicarían tanto a editores como a anunciantes. A compañía propón como alternativa abrir AdX a terceiros e someterse a unha supervisión independente durante tres anos.