Google presenta un reloxo para cativos con conexión móbil

mércores, 29 de maio do 2024 Marcus Fernández

En 2019 Google fíxose co fabricante Fitbit para progresar no ámbito dos wearables, mantendo esta marca presente no mercado coas súas pulseiras de actividade, os seus reloxos e incluso as súas básculas, vendendo parte destes dispositivos a través da tenda de dispositivos de Google, á que nos EE.UU. se vén de incorporar o Fitbit Ace LTE (tamén dispoñible a través da tenda de Fitbit en Amazon.com).
Falamos dun reloxo conectado orientado para os cativos de a partir de 7 anos, que integra funcións de seguimento de actividade e de ludificación do exercicio, que grazas á conectividade móbil tamén serve para chamadas, mensaxería e compartir a localización cos proxenitores.
Cómpre advertir que este tipo de dispositivos non permiten que descoñecidos poidan contactar cos cativos, senón que o reloxo só recibirá comunicacións dos contactos engadidos polos seus proxenitores, que tamén poden controlar fixar momentos nos que o reloxo elimine as posibles distraccións (como durante os horarios de clase). Tamén están a preparar unha función moi interesante, que permitiría empregar o reloxo a xeito de moedeiro electrónico, o que pode resultar de grande utilidade en situacións de emerxencia.
O reloxo é resistente á auga até 50 metros de profundidade, a súa pantalla ten protección Corning Gorilla Class 3 e a súa batería ten unha autonomía de máis de 16 horas, polo que sería dabondo para unha xornada completa.
O produto chegará ao mercado estadounidense o 5 de xuño a un prezo de 229,95 dólares, sendo preciso contratar tamén un plan de datos que terá un custo de 9,99 dólares/mes ou 119,99 dólares/ano (aínda que de lanzamento o primeiro ano de servizo quedaría en 59,98 dólares).
Polo momento non hai data para o lanzamento deste produto en España, aínda que non sorprendería que se fixese da man dalgún operador de telecomunicacións ao estar asociado a un plan de datos móbiles.

Vídeo de presentación do Fitbit Ace LTE