Google presenta unha nova colección de modelos de IA xeoespacial para afrontar retos globais

mércores, 30 de xullo do 2025 Redacción

Google vén de anunciar Google Earth AI, unha nova iniciativa que reúne modelos de intelixencia artificial e conxuntos de datos orientados a resolver desafíos críticos a escala global. O proxecto, que amplía o esforzo recente da compañía en razonamento xeoespacial, inclúe tecnoloxías avanzadas para predición meteorolóxica, detección de incendios forestais e previsión de inundacións, entre outros usos. A iniciativa inclúe tamén AlphaEarth Foundations, unha plataforma presentada simultaneamente como parte integrante de Google Earth AI.
Segundo explicaron Chris Phillips, vicepresidente e director xeral da área Geo, e Yossi Matias, vicepresidente de Enxeñaría e Investigación e responsable de resposta a crises, Earth AI busca ofrecer ferramentas útiles tanto a persoas como a empresas e organizacións para mellorar a planificación urbana, a saúde pública e a mobilidade nas cidades, a través dunha comprensión máis rica das imaxes por satélite e dos datos de poboación.
Estes modelos xa alimentan funcións empregadas por millóns de usuarios, como as alertas de inundacións e incendios en Google Search e Google Maps. Tamén fornecen información estratéxica mediante Google Earth, Google Maps Platform e Google Cloud. Google destaca o seu compromiso de continuar desenvolvendo estas ferramentas para axudar a abordar os grandes desafíos da nosa época.