Google publica as tendencias do ano en buscas

mércores, 11 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Ao aproximarse o remate do ano é habitual facer repaso, e o balance que fai Google de 2019 céntrase principalmente nas buscas que realizamos, de xeito que poñen a disposición do público unha recompilación das tendencias do ano 2019 que pode consultarse por países, que no caso español veuse dominada pola actualidade, de xeito que destacaron as eleccións xerais e municipais, Notre Dame, a caída do Muro de Berlín e o Black Friday.
Se analizamos o máis destacado en cine e televisión confírmase o éxito dos reality shows como Gran Hermano Dúo e Supervivientes, o impacto de Eurovisión e o bo funcionamento das ficcións Juego de Tronos e Joker en televisión e cine respectivamente; mentres que as personalidades destacables foron unha vez máis as que nos deixaron no ano (Rubalcaba e Camilo Sesto), seguidas por outros persoeiros que deron que falar por distintos motivos, como a renuncia de Albert Rivera, os problemas de saúde de María Jiménez ou o éxito internacional de Rosalía.
Os temas de maior crecemento nas buscas a nivel global foron moi diferentes, quedando en posicións destacadas os encontros de cricket entre India e Sudáfrica, o pasamento do actor Cameron Boyce, a Copa América e o iPhone 11. Cómpre salientar que Juego de Tronos, Avengers: Endgame e Joker tamén estiveron entre as tendencias globais máis destacadas, incluso por diante de Notre Dame, polo que tivemos un ano bastante irregular, xa que non resulta frecuente que a ficción audiovisual ocupe 3 das 10 temáticas máis destacadas do ano.

Vídeo co que fan un repaso do máis destacado nas buscas en Google

PUBLICIDADE