Google recoñece estar a traballar nun buscador censurado para China

martes, 16 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Pichai na súa intervención no cumio WIRED 25

Nos últimos meses filtráronse informacións sobre o Project Dragonfly, unha iniciativa que buscaría levar o buscador de Google a China someténdose ás demandas censoras e de control da información das autoridades chinesas, detalles que terían sentado mal entre moitos traballadores da compañía, contrarios a colaborar con réximes autoritarios para manter vivo o vello leva de Google: «don’t be evil» (non sexas malo).
Aínda que até o momento dende Google negábanse a confirmar a existencia do proxecto, na súa participación no cumio WIRED 25 o director xeral da compañía, Sundar Pichai, falou por primeira vez en público do tema, asegurando que as probas internas dun motor de busca censurado para China están a resultar moi prometedoras, e en vez de indicar un rexeitamento ao proxecto, considera importante a súa introdución no mercado chinés na súa «misión para achegar información a todo o mundo», salientando que China supón o 20% da poboación do planeta.
Pichai admite a dificultade de equilibrar valores como o acceso á información, a liberdade de expresión e a privacidade dos usuarios, problema que atopan en cada país ao que levan os seus servizos, e nos que tamén teñen que cumprir coa lexislación local.
Hai 8 anos Google decidira tirar a toalla co mercado chinés ante a estrita censura, pero agora Pichai asegura que dado o seu volume non poden ignoralo, e están obrigados a pensar en como abordalo de cara o longo prazo.

PUBLICIDADE