Google recupera as Tendencias de Busca en España

martes, 24 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Google está a destacar que na páxina de Google Trends en España podemos consultar as Tendencias de Busca, ferramenta que chega tras o regreso de Google News o ano pasado, e que axuda a explorar en tempo real as tendencias de Busca de Google xunto cos artigos correspondentes.
Deste xeito calquera persoa pode coñecer os temas que xeran maior interese, aínda que esta funcionalidade é especialmente práctica para os profesionais da información, que poden tomar así o pulso da actualidade.
Aproveitando que hoxe é o Día do Xornalista en España, dende Google comparten algúns exemplos de tendencias recentes nas últimas 2 semanas no territorio español:
– Bizarrap foi unha das buscas de persoas en tendencia, seguido por Shakira e Gerard Piqué.
– A película en tendencia foi Los Crímenes de la Academia, cun aumento do 900% en interese.
– A estrea de La Piedad, de Eduardo Casanova, provocou un incremento do 750% en interese nas buscas polo director, destacando o feito de que as persoas que realizaron tal consulta tamén buscaron por Aída, a serie de televisión que o fixo famoso.
Google lembra que estas ferramentas para coñecer as tendencias de busca permiten consultar a información por data, por tendencias, por temas ou por lugares; permitindo tamén realizar comparacións; aínda que salientan que estes datos só reflicten un interese en temas puntuais durante un período de tempo específico, e non deberían confundirse os resultados con enquisas.

PUBLICIDADE