Google renova os seus smartphones

mércores, 20 de agosto do 2025

Google presentou hoxe a décima xeración dos seus teléfonos, coa chegada dos novos Pixel 10, Pixel 10 Pro e Pixel 10 Pro XL, dispositivos que estrean o procesador Tensor G5 e o modelo de IA Gemini Nano, que buscan ofrecer unha experiencia máis personalizada, proactiva e útil ca nunca, acompañada dun deseño renovado e múltiples melloras de hardware.
O Pixel 10 destaca polo seu acabado en metal satinado, cristal pulido e a icónica barra de cámara. Chega en catro cores (obsidiana, glaciar, índigo e verde lima) e cunha pantalla Actua de 6,3 polgadas que acada 3000 nits de brillo, mellor son con graves reforzados e a primeira lente telefoto 5x nun modelo básico da gama, con enfoque rápido, zoom óptico de calidade 10x e Super Res Zoom ata 20x.
Os Pixel 10 Pro e 10 Pro XL representan a opción máis avanzada, cun deseño premium, pantallas Super Actua máis brillantes, sistema de cámara tripla mellorado e o novo Pro Res Zoom que chega ata 100x de ampliación grazas ao procesamento do Tensor G5 e un modelo de xeración de imaxe específico. Estes modelos ofrecen tamén maior autonomía, altofalantes mellorados, 16 GB de RAM, carga rápida por cable e, no caso do Pro XL, carga sen fíos Qi2.2 a 25 watts.
Ambos teléfonos integran carga sen fíos que tamén é magnética, o que facilita o uso de numerosos accesorios compatibles co MagSafe dos iPhones. No caso do Pixel 10 e do Pixel 10 Pro a carga sen fíos limítase a 15 watts.
En canto ao software, todos os modelos inclúen sete anos de actualizacións de sistema e seguridade, ademais de Material 3 Expressive, unha nova interface máis fluída e personalizable. Incorporan tamén Magic Cue, unha función que integra IA en aplicacións como Mensaxes ou Teléfono para ofrecer información relevante e accións no momento axeitado, funcionando de maneira privada no propio dispositivo.
No apartado fotográfico, chega como novidade Camera Coach, que emprega modelos Gemini para dar consellos sobre composición e encadre das imaxes, pensado para usuarios que queiran mellorar a súa técnica fotográfica.
Os novos Pixel 10 xa están dispoñibles para reserva con prezos de saída de 899euros para o modelo estándar, 1.099 euros para o Pixel 10 Pro e 1.299 euros para o Pixel 10 Pro XL. A chegada oficial ao mercado comezará o 28 de agosto e os compradores dos modelos Pro recibirán un ano de balde de Google AI Pro (valorado en 263 euros).

Vídeo de presentación dos novos produtos de Google