Google repasa o máis destacado en buscas de 2023

luns, 11 de decembro do 2023 Marcus Fernández

As Bestas ocupou un lugar destacado nas buscas durante 2023

Como vén sendo habitual, ao rematar o ano dende Google fan balance do máis buscado na web, o que é un bo xeito de facer un repaso do ano a nivel de atención da cidadanía, pois destácase tanto a actualidade como os temas de lecer.
O termo que máis disparou as súas buscas no territorio español foi ChatGPT, o grande expoñente da explosión da intelixencia artificial que está a revolucionar o sector tecnolóxico e afectar a ámbitos nos que parecía moi complicado que entrase con tanta forza a tecnoloxía; as Eleccións 2023 tamén tiveron un lugar destacado nas buscas realizadas dende España, resultando especialmente salientable que as seguintes buscas emerxentes fosen a Copa Mundial Feminina de Fútbol e Rubiales (que poden entenderse como un único tema, que pese a limitarse a uns poucos días de polémica, está a ter grandes repercusións); na actualidade, o quinto tema máis buscado sería Israel (que a nivel global ocuparía a primeira posición).
A polémica coa Selección Feminina de Fútbol tamén tivo un impacto significativo nas buscas relacionadas ao deporte, de xeito que entre os 5 termos máis destacados (liderados por Mbappé na primeira posición) coáronse 3 xogadores de fútbol (Jenni Hermoso, Olga Carmona e Salma Paralluelo), algo practicamente imposible de conseguir no pasado.
No panorama audiovisual fíxose notar o fenómeno Barbenheimer, pois Oppenheimer e Barbie lideraron as buscas, pero non podemos deixar de comentar que a estas dúas producións ségueas unha película moi ligada á nosa terra: As Bestas.
O apartado musical si é desolador, xa que, se deixamos a un lado a posición líder de Shakira, as outras 4 buscas emerxentes corresponden a figuras que nos deixaron ao longo do ano (María Jiménez, Tina Turner, Carmen Sevilla e Sinéad O’Connor). De feito, a nivel global Google tomou medidas para evitar este tipo de nesgo, e crearon unha categoría de busca centrada nos pasamentos, liderada por Matthew Perry, Tina Turner e Sinéad O’Connor.
Entre o resto de buscas emerxentes salientables en 2023 podemos destacar o feito de que moitos españois preguntases «por que Twitter se chama X».
Cómpre lembrar que estas buscas destacan polo seu crecemento, ou sexa, son as máis destacables, non as máis realizadas, xa que existen certas buscas moi frecuentes que se realizan constantemente ao longo do tempo, e que non ten sentido destacalas pese a que na práctica ocuparían as primeiras posicións nas buscas.