Google subscribirá o Código de Boas Prácticas para a IA na Unión Europea
mércores, 30 de xullo do 2025
Google anunciou que asinará o Código de Boas Prácticas da Unión Europea para a Intelixencia Artificial de Propósito Xeral, unha iniciativa voluntaria destinada a garantir o desenvolvemento e uso responsable da IA en Europa. A compañía únese así a outros provedores de modelos, tamén estadounidenses, nun esforzo conxunto por facilitar o acceso da cidadanía e das empresas europeas a ferramentas seguras e de calidade, coa expectativa de que esta tecnoloxía contribúa a impulsar o crecemento económico do continente.
Segundo Kent Walker, presidente de Asuntos Globais de Google e Alphabet, a aplicación efectiva do Código podería favorecer un incremento do 8 % no PIB europeo de aquí a 2034, o que suporía uns 1,4 billóns de euros anuais. A compañía celebra que a versión final do documento estea máis aliñada cos obxectivos de innovación e desenvolvemento económico da UE que os seus primeiros borradores, e agradece a oportunidade de ter participado no proceso consultivo.
Porén, Google tamén advirte de que tanto a Lei de IA como o propio Código seguen implicando riscos que poderían frear a implantación da tecnoloxía na rexión. A empresa expresa a súa preocupación por posibles desviacións respecto ao marco legal vixente en materia de dereitos de autor, atrasos nos procesos de aprobación e esixencias que poderían obrigar a revelar segredos comerciais, o que, segundo subliña, podería lastrar a competitividade da IA europea fronte a outras rexións.
Google comprométese a traballar coa Oficina de Intelixencia Artificial da UE para garantir que o Código sexa proporcionado e adaptado á evolución acelerada desta tecnoloxía, e avoga por un enfoque que favoreza a innovación, o investimento e o progreso tecnolóxico no continente.
En contraste, a semana pasada dende Meta manifestaron a súa intención de non subscribir o Código de Boas Prácticas, por considerar que «introduce incertezas legais para os desenvolvedores de modelos, así como medidas que van moito máis aló da Lei da IA».
