Google trae a España a súa tecnoloxía de seguimento de lumes forestais

martes, 30 de xullo do 2024 Marcus Fernández

O servizo de mapas de Google é de grande utilidade de cara aos lumes forestais, pois non só indica no mapa os lumes rexistrados oficialmente, senón que tamén marca o contorno afectado e completa esta información con elementos importantes como as estradas cortadas e as retencións de tráfico en tempo real, o que axuda así a establecer percorridos por estrada seguros, así como coñecer a situación dos lumes.
O sistema de alertas de risco de lumes de Google está de bastante actualidade estes días en California, onde están a padecer unha vaga de lumes de grande consideración, e dado que estamos na época do ano na que se disparan este tipo de incidencias, dende Google aproveitan para anunciar que o servizo de seguimento das zonas afectadas por lumes se amplía a 15 novos países de Europa e África entre os que figuran España, Portugal, Andorra e Francia.
Para definir os territorios afectados por cada lume no mapa dende Google tiran proveito dun modelo de intelixencia artificial adestrado con numerosas fontes de datos entre a que están imaxes captadas vía satélite en base a experiencias de anos anteriores. Completando a información con outros modelos de IA conseguen unha precisión e fiabilidade maior á hora de verificar a existencia de lumes e definir o territorio afectado.
Dende Google lembran que no último mes fixeron o seguimento de máis de 40 lumes entre España, Grecia e Chipre, así como outros en Portugal e Quenia, e os usuarios puideron recibir información puntual a través da busca e dos mapas de Google, podendo recibir tamén a información actualizada mediante notificacións.