Gradhoc consolida NeuroCall 360 tras validar a solución en condicións reais
venres, 31 de outubro do 2025
A compañía tecnolóxica galega Gradhoc vén de acadar a fase TRL 8 no desenvolvemento de NeuroCall 360, unha solución intelixente deseñada para optimizar a xestión de alarmas e incidencias en call centers. En palabras da firma de Bergondo (A Coruña), este avance representa un fito decisivo dentro do proceso de maduración tecnolóxica, situando o proxecto nun punto moi próximo á súa fase final de comercialización.
NeuroCall 360 integra algoritmos de intelixencia artificial que permiten automatizar tarefas, reducir rexistros redundantes e mellorar a capacidade de resposta ante incidencias.
Durante o proceso de desenvolvemento, a tecnoloxía foi sometida a probas e demostracións en contornos operativos reais, o que permitiu avaliar a súa fiabilidade e validar o funcionamento do sistema en condicións equivalentes ás de uso comercial.
A solución incorpora dous mecanismos fundamentais —Tempo de Cuarentena e Tempo de Garantí — que, segundo indica a empresa, “aseguran unha xestión máis precisa e coherente das alarmas”. Ademais, salienta que a aprendizaxe automática do sistema posibilita a identificación de patróns e a anticipación de eventos, incrementando a eficiencia dos equipos técnicos e a calidade do servizo.
Dende Gradhoc engaden que “a consecución da fase TRL 8 confirma que NeuroCall 360 é unha tecnoloxía madura e robusta, que superou con éxito unha serie de probas e demostracións en condicións reais, avalando tanto o seu deseño como a súa eficacia operativa”.
Ademais, a experiencia adquirida durante as fases de validación asegura que a solución é fiable, flexible e con ampla marxe de adaptación a cambios e novas contornas (escalabilidade), o que reforza a súa capacidade de integrarse en distintos sectores industriais e de servizos, desde call centers ata sistemas de monitoraxe máis complexos, abrindo novas oportunidades para a optimización de procesos e a mellora da eficiencia operativa.
A iniciativa Neurocall 360 está adscrito ao programa IG408M – IA 360 de axudas para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación mediante o uso da Intelixencia Artificial do IGAPE, que á súa vez conta coa colaboración económica dos fondos Next Generation da Unión Europea e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
