Gradiant achega a tecnoloxía ás empresas no encontro Deeptech Connect
venres, 31 de outubro do 2025
O Centro Tecnolóxico Gradiant celebrou o pasado mércores o encontro Deeptech Connect: transferencia tecnolóxica para a empresa, unha xornada profesional impulsada polo centro tecnolóxico galego para achegar a innovación científica e tecnolóxica ao tecido empresarial e favorecer a xeración de novas oportunidades de colaboración entre a industria e o ecosistema de innovación galego.
A xornada contou coa participación de expertos en innovación como Fernando Pérez González, Catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións (TSC) da UVigo, quen analizou a situación dos ecosistemas Deeptech a nivel nacional e europeo.
Ademais, albergou unha mesa redonda sobre retos e oportunidades das Deeptech en Galicia na que se deron cita Fernando Gago, director executivo (CEO) de Sense Aeronautics; Francisco J. Diaz Otero, CEO de Sparc Foundry e Sabela Pardo, directora de programas de Axencia Galega de Innovación.
As persoas asistentes puideron participar en diferentes sesións de demostración tecnolóxica nas que se mostraron casos reais de aplicación da IA a sectores como a industria aeroespacial e alimentaria ou ao contido multimedia, e detección de fraude, ademais de mostrar exemplos de ciberseguridade avanzada. A maiores, a través doutra das demostracións, púxose en valor un compoñente que permite aos analistas dun Centro de Operacións de Seguridade (SOC) comprender e priorizar as alertas de seguridade de maneira máis rápida e eficaz ou unha ferramenta avanzada de anonimización de datasets sensibles.
Deeptech Connect, que se enmarca nas axudas para o fortalecemento e ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos impulsadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través de fondos europeos do programa Galicia FEDER 21-27, busca promover o intercambio directo entre empresas e desenvolvedores tecnolóxicos e posicionar a Galicia como referente nacional neste tipo de tecnoloxías aplicadas á empresa, promovendo un espazo de conexión real entre ciencia, tecnoloxía e industria.
Fernando Jiménez, xerente de Gradiant, sinalou que “con este encontro, reforzamos o noso compromiso coa transferencia tecnolóxica e a creación dunha contorna colaborativa, práctico e orientado a resultados, onde as empresas poidan identificar oportunidades concretas para adoptar tecnoloxía Deeptech en sectores estratéxicos como a industria, a mobilidade, a ciberseguridade ou a intelixencia artificial”.
