Gradiant achégalles as TIC aos centros de educación especial de toda Galicia
venres, 6 de maio do 2011
Non cabe dúbida de que as novas
tecnoloxías son de moita utilidade para toda a sociedade case sen excepción, pero
se hai un colectivo ao que lle poden facilitar a vida diaria de maneira
excepcional, ese é o de persoas con discapacidade, que atopan nas ferramentas
tecnolóxicas a axuda que precisan para se desenvolveren con máis autonomía.
O Centro Tecnolóxico Gradiant sábeo ben,
e dende a súa fundación, sempre se comprometeu coa divulgación e coa achega das
TIC ás persoas máis necesitadas. Xa que logo, dende hai unhas semanas, esta
entidade está a visitar os centros de educación especial que hai en toda
Galicia, levándolle as vantaxes das novas tecnoloxías a tódolos seus alumnos e
alumnas.
Onte tocoulle o turno ao centro de
educación especial A Barcia de
Santiago de Compostela, ata onde se desprazaron un total de 11 investigadores de
Gradiant e un monitor especializado, para compartir, a través de distintas
actividades, as posibilidades e vantaxes que lle ofrecen as TIC.
Todos eles puideron probar de primeira
man diferentes xogos comerciais, así como aplicacións libres e aplicacións
propias do centro, que segundo informan, “foron
desenvolvidas especialmente para a ocasión”.
Tanto os alumnos como os docentes
mostraron moito interese en todo o que se lle presentaba, e de feito estes
últimos, atoparon moitas aplicacións e tecnoloxías AAL de grande utilidade,
tanto para o ensino como para o posible diagnóstico de problemas ou
dificultades concretas do seu alumnado.
Por certo, unha parte do alumnado deste
centro compostelán presentaba discapacidades físicas, polo que os
investigadores, puideron observar de preto as dificultades reais dos diferentes
métodos de manexo dos equipos e aplicacións, “convertindo a experiencia nunha aprendizaxe mutua”, confesaron.
Un dos obxectivos destas xornadas que
organiza Gradiant en colaboración con iQUBE, é dar a coñecer as posibilidades
que lle ofrecen as TIC ás persoas con necesidades especiais para superar os
atrancos do seu día a día, así como facer que “perdan o medo e se familiaricen coas ferramentas tecnolóxicas que teñen
á súa disposición”.
Este último obxectivo foi superado
exitosamente, xa que mesmo os docentes se sorprenderon “do rápido que os seus alumnos se fixeron coas novas interfaces
home-máquina que existen no mercado”.