Gradiant aposta polo novo talento tech en ámbalas beiras do Atlántico
luns, 10 de marzo do 2025
O Centro Tecnolóxico Gradiant ten esta tempada unha axenda completa de participacións en eventos clave nos que debullar os seus proxectos e compartir sinerxías con talentos tech presentes e futuros. Os eventos celébranse en Vigo, Porto e en Arxentina e Uruguai, nunha iniciativa promovida por Xunta de Galicia.
Gradiant participa nalgunhas das feiras de emprego máis relevantes do sector durante o mes de marzo para a captación de talento tech. O obxectivo concreto é seguir consolidando o seu papel referente en España e cunha proxección crecente a nivel internacional, establecendo conexións con investigadores, desenvolvedores e futuros profesionais que queiran formar parte do seu equipo.
“Participar nestes eventos é crucial para Gradiant”, destaca Leticia Torrexón, responsábel de Selección e Xestión do Talento en Gradiant, engadindo que esta estratexia “permítenos conectar con perfís especializados e diversos que complementen noso expertise actual”.
En Arxentina e Uruguai
No marco da iniciativa da Xunta de Galicia para captar talento no exterior, durante a primeira quincena de marzo, Gradiant participará en feiras de emprego en Bos Aires, Arxentina e en Montevideo, Uruguai. O obxectivo é atraer a profesionais galegos da diáspora e ofrecerlles a posibilidade de retornar a Galicia para contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico da nosa Comunidade.
En Porto
Porto acolle o 10 e 11 de marzo os Engineering Days na Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto. Este evento, consolidado como o punto de encontro entre empresas e estudantes, celebra este ano a súa 10ª edición e Gradiant participará activamente na feira de emprego presencial, ademais de en obradoiros e sesións de entrevistas flash co obxectivo de conectar con perfís técnicos altamente cualificados.
Foro Tecnolóxico de Emprego UVigo
Organizado por estudantes da Universidade de Vigo, o Foro Tecnolóxico de Emprego celébrase o 11 e 12 de marzo e busca facilitar a interacción entre empresas e futuros titulados no ámbito tecnolóxico. Gradiant contará cunha caseta onde as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man as oportunidades laborais e proxectos en marcha. Ademais, o centro tecnolóxico vigués animará ao alumnado a acudir á caseta de seu porque “sorteamos un iPad para as primeiras 90 persoas que se inscriban”.
Por outra banda, os investigadores de Gradiant Naoufal Elazzouzi e Carlos Riggio dirixirán o taller Máis aló do Firewall, será o día 11 ás 11:30h. O 12, ademais do sorteo, o centro participará na mesa redonda Detrás do Recrutamento: claves para destacar nun proceso de selección e ás 15:30h estaremos na sesión de speed recruiting.