Gradiant asina un acordo con Galicia Business School para promover a formación continua

mércores, 29 de xaneiro do 2025 S. P.

A pasada semana, máis en concreto o luns 20 de xaneiro o centro tecnolóxico galego Gradiant asinaba un convenio de colaboración co centro de adestramento directivo Galicia Business School. Este acordo vai á procura de mellorar a formación e desenvolvemento profesional dos seus empregados e estudantes e servirá para facilitar o acceso do persoal traballador de Gradiant a programas formativos con descontos e bolsas e aos recentemente titulados da escola de negocios a realizar prácticas profesionais no centro tecnolóxico.
Segundo Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant: “En Gradiant, estamos comprometidos coa retención do talento, capacitando aos nosos profesionais para asumir os postos estratéxicos dentro da organización. Brindámoslles a oportunidade de formarse en áreas chave como liderado, xestión de proxectos e habilidades técnicas especializadas nas distintas variantes tecnolóxicas. Con este convenio asinado coa Galicia Business School, poñemos a disposición do noso equipo unha oferta formativa en habilidades transversais que poderán aproveitar con vantaxes económicas”.